CCCP

Outubro 6th, 2011

A última dos homens

Posted by W. Sobchak in Música

Hai case cinco anos estreaba esta blog coa reseña dun concerto onde tocaran The homens. Hai uns días fun até As Pontes, ao teatro Alovi ao que seica vai ser o último concerto da banda pola marcha á emigración do batería.
Comparar os dous concertos, sirve para apreciar a evolución máis que digna do grupo. A actuación foi unha mestura dos concertos acústicos que os do Castiñeriño fixeron en Detrás da canción e un repertorio máis rockeiro. Centráronse moito no último disco  cuarta potencia. E  algúns, por culpa da condeada nostalxia,  botamos en falta maís  temas dos comezos.  De todos os xeitos, o concerto foi para gozar de vez. Os arranxos das pezas  están a unha grande altura e foi unha nova sensación ver a banda sentado, a soar moi ben e cunha iluminación mais que interesante. (aquí un exempliño achado no tubo)
Compre salientar que ainda que era o  último concerto, os tipos demostraron ser afoutos e  tocaron dous temas novos. Un deles unha versión do “ Abdul” de Os resentidos levada perfectamente ao universos powerpop.
E cando todo parecía ter rematado, e as luces da platea  xa se encendera e moito público xa marchara, tiveron a ben rematar a festa cun bis para os incondicionais, cos clásicos Amor e non acrobacias e Desaparece. E ata sempre…
Persoalmente,  alén da mágoa pola desaparición dun grupo do  que era moi seareiro, produce moita rabia que unha banda deste nivel e traxectoria non acadará o recoñecemento que debía.  Xa houbo quen estableceu un paralelismo ( ou mais ben salientou a situación inversa) cos Manel .Se cadra o que máis frustra  é pensar que non tiveron oportunidade de amosar o seu valor. Levo anos facendo proselitismo deles entre a xente nova, e non é que non lles gusten, é que descoñecen a súa existencia. E esa se cadra é a síntese do noso fracaso como sociedade. E o peor é contra que perdimos, xa non contra os patufos desleigados que dicía o outro, se non contra esta banda de borjamaris provincianos quen nos gañaron a batalla demográfica
En fin, se cadra comezar e rematar o blog cun concerto de The homens, sería unha historia redonda. E mais tendo en conta que ultimamente esta bitácora non facía mais que languidecer. Mais, como sempre fun rabudo de carallo, a miña decisión e reactivalo, para os dous lectores que sei que teño, e para os incautos que me seguen no reader.
Keep on…
[obrigadiño a Trivia pola foto]

5 Responses to ' A última dos homens '

Subscribe to comments with RSS

  1. Sak said,
    on Outubro 6th, 2011 at 5:16 p.m.

    Creo que cando somos conscientes do que hai e do que nos trouxo acó, é máis doado construir. Se ademáis estamos en plena apoxeo dos derribos, pensemos nas fermosas construccións pequenas e aqueladas que podemos facer.

  2. magago said,
    on Outubro 6th, 2011 at 10:58 p.m.

    Déalle o non o deixe. E siga dándonos ligazóns, grupos e fotógrafos, fágame o favor.

    Tanto pesimismo xa cheira.

    🙂

  3. O Traveseiro said,
    on Outubro 7th, 2011 at 12:29 p.m.

    Teño que recoñecer que nunca gostei dos Homens e musicalmente non os vou botar en falta. Mais certo é que sempre os respectei polo feito de facer música en galego (e máis aínda tratándose de pop) e pola súa aposta pola libre difusión dos seus discos.

    Por certo, que son un do medio cento de incautos que che seguen polo Reader. Que a CCCP non engorde o blogomorgue, ho!

  4. lilith said,
    on Outubro 10th, 2011 at 9:27 a.m.

    Oia, nom vale assustares deste jeito. Como feche o blogue vai ter a mais dumha a petar-lhe na porta. E nom vai ser pra cantar o Miudinho!

    😉

  5. W. Sobchak said,
    on Outubro 10th, 2011 at 4:05 p.m.

    @lilith pum, pum peteiche na porta
    non me quixeches abrir…

Sorry, the comment form is closed at this time.