CCCP

Outubro 26th, 2011

Luther

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais
Onte vin o primeiro episodio de Luther, e gostei del. Unha aclaración está é unha serie [drama que lle din alí] policiaca da BBC. E disto podemos sacar tirar dúas conclusións.
Por unha banda temos un universo cheo dos arquetipos do xénero. Pero aos afeccionados ao mesmo isto non nos vai molestar, non?
E por outra sabemos que a realización/produción vai ser impecábel. E tanto. As escenas do interrogatorio coa antagonista penso que poderían estar en calquer  manual de montaxe e composición.
E por suposto compre salientar o traballo dun brutal Idris Elba [ a.k.a Stringer Bell], que está inconmensurábel, desprendendo un magnetismo que xa lle gustaría a moitos.
Outubro 19th, 2011

40 minutos de Lamatumbá

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais, Música

[gv data=”R1VkZVlgxAQ” width=”450″][/gv]

Por casualidade achei onte este vídeo do concerto que Lamatumbá deu en Xullo do 2010 na Quintana. Son 40 minutos nos que coido que se transmite a enerxía e as sensacións [lumeeee] que se viviron nesa xira dos de Ourense. A gravación é da  a xente de Pixelín [blog]

Outubro 13th, 2011

Bob

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais

Non son moi partidario de fusilar contidos do blogomillo, e máis se temos en conta como de esquilmado anda o caladoiro. Mais hoxe vin Bob en apnea. E non podo evitar posteala.  Xa non pola súa calidade, que ten dabondo e máis, senón por que é un traballo dunha escola de cine!  E manda carallo para o nivel da escola, non?

Coido que por latitudes próximas é complicado ver choios de tanta calidade. Agás os da ESCAC, claro. Pero, como xa lle dicían a Pepe Carvalho nos 80, Aquílo é Europa

Outubro 13th, 2011

Attack the block

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais

Voume por en modo cinema friki: Imaxinade que collemos o espírito das pelis iaknis  de aventuras de adolescentes dos anos 80 [ Goonies, E.T.] , mesturámolas  coas de xénero de terror de bechos extraterrestres desa época [Critters], con un chisco   [so un chisco!] de The Wire, dámoslle ese aquel transgresor e brincadeiro da serie B, e que trasladamos a acción a un suburbio do Sur de Londres.. Voila: o que non sae e Attack the block [trailer], Un divertido filme de xénero, ben realizado que compre de sobra as expectativas: pasar un bo rato diante da pantalla. De feito seica en Sitges está a prestar moito.
Se gostades do xénero, recomendada fica
Abril 11th, 2011

Eiiiiiii!

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais

Que os Crebinsky xa están nos cines. E  isto é como o de San Andrés de Teixido, que quen non vaia de vivo… E ademáis cada vez que un galego non vai ao cine a ver os Crebinsky, morre un urogalo, e xa non quedan moitos…

Pois iso. Tades avisados!

Abril 5th, 2011

La última Polaroid

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais

En filmin, a parte de facer a extravagancia de pagar por ver unha boa película en boas condicións, podes achar curtas interesantes de balde.
Por exemplo, La última Polaroid de Mar Coll, de quen xa nos declaramos seareiros.
Unha peza pequena, bonita e diferente

Xaneiro 25th, 2011

Carne de Neón

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais
A pasada finde, porteime como un bo cidadán  e acudín ao mall, que éche o que nos quede aos que imos a cine segundo en que sitio. O conto é que vin Carne de neon de Paco Cabezas [interesante o seu blog, por certo]. Prestoume. Non é a mellor peli do mundo, mais esta ben ( a minha bela acompanhante non compartiu a opinión, que conste). Está a rede ateigada de comentarios, de xente mais solvente ca min,  que a definen como a mestura de Guy Ritchie con Almodóvar. Concordo. O director retrata cun aquel cool o lumpen, coma o ex de madonna, mais sen agochar de todo ,o sórdido que pode resultar ese mundo. E de non ser por que se perde metendo información de máis, o filme funciona de sobra e  consegue entreter.

Mais onte mirei as cifras de racadación e a peli estaba de oitava con pouco mais de 350 000 €. Moi pouco. E non acabo de entender nada. Estes días lin, como un deses tipos que saben mías ca min, xustificaba o éxito de 3 Metros sobre el cielo, en que era un produto moi ben feito. Pois amighos, esta é outro produto ben feito ( a dirección de fotografía e de arte son espectaculares)  mesmo comparte mojabragas ( terminoloxía oficial do gremio) con 3MSC e a campanha pola rede pareceume caralluda.. E aínda así,  meteuse unha ostia  na venda de boletos

O cine español ten un problema. E non é de calidade. Nin de falta de orixinalidade. Nin de descargas por internet. É un problema de comunicación co seu público natural e non sei eu como van ser quen de solucionalo [se o soubera… seguro que non estaba aquí.. ]

Decembro 31st, 2010

Voltou Jeunet

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais

Ando nas verzas. Tanto que non me enterei que o meu admirado Jeunet xa hai un ano que estrou en Francia o seu último filme  Micmacs [Se cadra non me enterei porque por causas misteriosas aínda non se estreou nestas latitudes]
O caso é que achei umha ligazón para ver os primeiros minutos do filme. E algo chamou poderosamente a miña atención. A pesar de seguir tendo o seu poderoso estilo visual. Hai algo radicalmente diferente con respecto Amelie. Fronte a xa mítica voz en off que nos contaba a historia da Srta Poulain aquí opta por un case relato mudo. E aínda así, funciona! O que ten talento, ten talento.

Decembro 4th, 2010

18 comidas

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais
[gv data=”R2izxKo9plI” width=”450″][/gv]
Nos tempos que corren custa ferro e fariña sobrevivir máis de dúas semanas nas carteleiras. Así fico abraiado, e contento, ao achar que 18 comidas de Jorge Coira chega á súa terceira con presencia en moitos cines do país.
Eu fun vela cando a estrea. Gostei dela. A miña bela acompañante tamén. Mais ambos coincidimos que non saberíamos se era un filme a recomendar ás amizades menos cinéfilas  polo peculiar da proposta. Para a miña sorpresa foi á mesma conclusión á que chegou algún galegazo no exilio.
De tal xeito, coido que si. Que compre recomendala. Mais salientado que se trata dun exercicio fílmico curioso, pero que paga a pena.
[e iso sen mencionar que boa parte da versión orixinal está rodada en galego]
Novembro 2nd, 2010

Un consello sentido

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais

Ide  ver Retornos unha peli feita aquí, por xente de aquí,  que paga a pena

Outubro 21st, 2010

Vendo a Deus na butaca

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais
Dicía o outro día o chairego máis popular do momento que Ricardo Darín é Deus. Abofé. Mais unha película que vexo del, e mais unha vez que fico abraiado con el.
Desta volta foi Carancho de Pablo Trapero. Un filme duro, desacougante  [ moito máis ca do tipo ese soterrado] e  que ten un manexo de cámara orixinal, con encadres pouco comúns, aínda que as veces marea un pouco con tanta cámara ao ombreiro.
Non é a a oitava marabilla mais  presta no medio dunha carteleira tan adocenada
Xullo 17th, 2010

Before the devil Knows you’re dead

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais

Prestoume de vez Before the devil knows you’re dead. Un trhiller intenso, duro. Moi ben interpretado polos seus catro protas . Sorprendéronme para ben Ethan Hawke, facendo de Steve Buscemi,  e Marisa Tomei. E fiquei abraiado de como un director de máis de 80 anos fixo un filme tan pouco ortodoxo na fotografía e xogando coa linha temporal.

Así que fica recomendada, especialmente para os amantes do cinema de xénero [ aínda que pola rede tamén lin máis de un comentario ponhéndoa podre]

Xullo 13th, 2010

Crebinsky

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais

Levaba un par de anos devecendo por ver Crebinsky, o filme de Enrique Otero. E grazas a súa proxección no festival de Ortigueira xa o fixen. Fiquei contento.

Non é unha obra mestra, máis presta. É bonita e está moi ben feita. Coido que non vai ser un filme mega-comercial. Ten un ritmo narrativo un chisco  mais repousado ao que están afeitos os espectadores habituais do cinema ianki. Mais prestará aos que gosten dos pequenos relatos de realismo máxico.

Xullo 2nd, 2010

Galiza Bravú

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais, Música


Como gran seareiro que son daquela paixón que queimaba no peito, gostei moito deste documental de Xaime Miranda que anda estes días pola rede adíante
Recomendo tamén a visión do traballo de Sonia Barros do 97 en pleno estalo do movemento. E ver o que fai o tempo no corpo humano… (ollo a Fran Amil!!)

E para rematar, nunca esta de mais ver mais unha vez o video de parrús, non?… e conhecedes a versión que fixeron os galegoz para o disco-homenaxe 120 capadores???

Xuño 24th, 2010

Embargo

Posted by W. Sobchak in Audiovisuais

[gv data=”TMl7fawSUZQ” width=”450″][/gv]

Aqui o trailer dun filme que devezo por ver.. Ainda que me temo   que vai ser dificil a esta beira do Minho

« Páxina anteriorPáxina seguinte »