
Hai case cinco anos estreaba esta blog coa
reseña dun concerto onde tocaran
The homens. Hai uns días fun até As Pontes, ao teatro Alovi ao que seica vai ser o último concerto da banda pola marcha á emigración do batería.
Comparar os dous concertos, sirve para apreciar a evolución máis que digna do grupo. A actuación foi unha mestura dos concertos acústicos que os do Castiñeriño fixeron en
Detrás da canción e un repertorio máis rockeiro. Centráronse moito no último disco
cuarta potencia. E algúns, por culpa da condeada nostalxia, botamos en falta maís temas dos comezos. De todos os xeitos, o concerto foi para gozar de vez. Os arranxos das pezas están a unha grande altura e foi unha nova sensación ver a banda sentado, a soar moi ben e cunha iluminación mais que interesante. (aquí un
exempliño achado no tubo)
Compre salientar que ainda que era o último concerto, os tipos demostraron ser afoutos e tocaron dous temas novos. Un deles unha versión do «
Abdul» de
Os resentidos levada perfectamente ao universos powerpop.
E cando todo parecía ter rematado, e as luces da platea xa se encendera e moito público xa marchara, tiveron a ben rematar a festa cun bis para os incondicionais, cos clásicos Amor e non acrobacias e Desaparece. E ata sempre…
Persoalmente, alén da mágoa pola desaparición dun grupo do que era moi seareiro, produce moita rabia que unha banda deste nivel e traxectoria non acadará o recoñecemento que debía. Xa houbo quen estableceu un paralelismo ( ou mais ben salientou a situación inversa) cos
Manel .Se cadra o que máis frustra é pensar que non tiveron oportunidade de amosar o seu valor. Levo anos facendo proselitismo deles entre a xente nova, e non é que non lles gusten, é que descoñecen a súa existencia. E esa se cadra é a síntese do noso fracaso como sociedade. E o peor é contra que perdimos, xa non contra os
patufos desleigados que dicía
o outro, se non contra esta banda de
borjamaris provincianos quen nos gañaron a batalla demográfica
En fin, se cadra comezar e rematar o blog cun concerto de The homens, sería unha historia redonda. E mais tendo en conta que ultimamente esta bitácora non facía mais que languidecer. Mais, como sempre fun rabudo de carallo, a miña decisión e reactivalo, para os dous lectores que sei que teño, e para os incautos que me seguen no reader.
Keep on…
[obrigadiño a Trivia pola foto]